Globotolo

A Deputación de Pontevedra leva este venres 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello de Baiona cunha peza de clown familiar, “Globotolo” de A Farra Xous.

O espectáculo enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

En “Globotolo” o pallaso Lolo fará as delicias da rapazada e sorprenderá as persoas adultas facendo figuras imposibles con globos e gags divertidos. O espectáculo ten unha perspectiva cómica e interactiva onde o público se sentirá parte integrante, e contará cunha posta en escena onde a ilusión do clown se mesturará nun cóctel de risas e gargalladas. A función comezará ás 19:00 horas na Praza do Concello de Baiona.