A Deputación de Pontevedra leva este mércores 6 de novembro o circuíto +Escénicas ata Tui. A peza teatral “Wombo Combo” de Galeatro poderá verse ás 12:00 horas no Auditorio municipal de Tui. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
“Wombo Combo”, que se representará para un público escolar a partir de 5 anos, é unha obra que reflexiona sobre as vidas virtuais e a soidade na adolescencia. A súa protagonista, Sara, ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Ten outra vida na que xoga en liña con ducias de persoas e na que cada vez pasa máis tempo. Deixa de falar, de comer, de durmir… ata que entra nun videoxogo que lle propón retos que debe cumprir na vida real. Paula Carballeira, referente do teatro infantil en galego, é a autora do texto, que foi finalista a mellor proposta para público familiar nos Premios María Casares 2023.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.