A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a posta en marcha dunha plataforma semántica e asistente conversacional por valor de preto de 220.000 euros.

Esta actuación, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, enmárcase no proxecto “Tourist Inside II”, financiado con fondos europeos, co que a Deputación de Pontevedra está a transformar a provincia como Destino Turístico Intelixente. “O mundo está evolucionando moi rapidamente e non queremos quedar atrás. Por iso, con esta iniciativa imos sumarnos ás vangardas, ás novas tecnoloxías, e introducir a intelixencia artificial na xestión do turismo”, asegurou López.

A través desta iniciativa dotarase á web de Turismo Ría Baixas dun asistente conversacional, os coñecidos como chabots intelixentes, que aproveitará os fluxos de datos e proporcionará ás persoas usuarias información de interese para dar resposta ás súas preguntas. O proceso que se pon en marcha con este contrato incluirá a creación dunha plataforma semántica, é dicir, unha estrutura que almacene, xestione e analice os datos, sincronizándose á vez coa información existente, para poder interpretar a información e dar, así, resposta ás demandas dos viaxeiros, logrando un turismo máis personalizado e diferenciador.

Luis López fixo fincapé na vontade co goberno provincial de “avanzar na transformación do sector turístico da provincia”, con iniciativas como esta nova aplicación de intelixencia artificial, ou as mesas de traballo para a elaboración da estratexia de turismo para os vindeiros anos, que comezaron o pasado luns en Vilanova de Arousa. “Seguimos avanzando para que todo o mundo poida coñecer e veña vivir, aquí, as múltiples experiencias 100% Rías Baixas”.