O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves o novo programa Ponte a Zero, que ten como obxectivo fomentar a compostaxe e a separación de residuos en toda a provincia. Nunha visita ao CEIP Serra-Vincios de Gondomar, o mandatario provincial explicou ao alumnado e ao profesorado as liñas mestras deste proxecto de educación ambiental que centrará a súa actividade, con charlas, actividades, talleres e formación nos centros educativos da provincia e conta cun investimento por parte da Deputación de 150.000 euros.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar os datos de compostaxe, reciclaxe e recollida selectiva do lixo no territorio pontevedrés. A provincia sitúase seis puntos por detrás da media galega en canto a reciclaxe, polo que é preciso concienciar á poboación local para que entenda a necesidade de separar correctamente os residuos para reducir os custes de recollida e tratamento e cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea en materia de xestión de residuos.
Durante a visita, o presidente comentou cos estudantes de Educación Primaria deste centro de Gondomar aspectos relacionados coa compostaxe e adiantoulles as actividades que realizarán ao longo do curso académico ao abeiro deste programa. Tamén participou no obradoiro organizado nunha clase do centro educativo para dar a coñecer e divulgar o programa que contará con charlas para explicar que facer cos residuos, con xogos para descubrir como reducir a contaminación, coa creación de hortas escolares, e con numerosos experimentos para dar a coñecer como funciona un composteiro.
Este programa execútase en colaboración co CEIDA (Centro de Referencia para a Educación Ambiental de Galicia), un organismo co que a Deputación leva colaborando neste eido desde o ano 2017. Con todo, a novidade deste novo programa pasa por centrar os esforzos na concienciación ao conxunto da comunidade educativa, con iniciativas destinadas a estudantes desde Educación Infantil a Formación Profesional, ao profesorado e mesmo aos integrantes das asociacións de nais e pais.