A Deputación rematará a reforma integral de Concepción Arenal en A Guarda na primavera
Infografía

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a adxudicación do proxecto de ‘Recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na rúa Concepción Arenal EP-3401 de acceso ao porto en A Guarda’ á empresa ‘Obras, Reformas e Saneamentos SL’.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o obxectivo do departamento de Mobilidade é que as obras poidan comezar a mediados do mes de setembro e que o novo aspecto da rúa sexa unha realidade para a primavera, sempre que non se produzan complicacións coa climatoloxía.

A empresa adxudicataria foi elixida entre as 17 propostas que competiron polo contrato ao presentar a mellor oferta técnica e económica, reducindo o prezo de licitación ata os 1,171.888,13 euros e o prazo de execución de dez a oito meses. Nas vindeiras xornadas a concesionaria terá que presentar a documentación pertinente, asinar o contrato de xeito definitivo, e realizar a acta de replantexamento do proxecto, para logo dar inicio aos traballos directamente na rúa.

Segundo lembra o deputado Uxío Benítez a mellora integral da rúa Concepción Arenal, de titularidade provincial, busca recuperar o espazo público da rúa para os veciños deixando claro que a circulación peonil é a principal na estrada, pero fomentando tamén a convivencia co tránsito rodado. O nacionalista destaca, de feito, que a nova rúa facilitará e promoverá os tránsitos peonís cara ao Porto solucionando os problemas que a día de hoxe causa o tráfico e a existencia de beirarrúas mínimas, en mal estado, e con nula accesibilidade.

O deputado de Mobilidade aproveitou a oportunidade para lembrar que a nova rúa acadará o máximo aproveitamento por parte da cidadanía cando se desenvolva o novo acceso ao Porto pola zona sur que a Xunta debe tramitar como proxecto sectorial. Lembrou que existen tres alternativas deseñadas pola Deputación que permitirían retirar o tráfico pesado do centro da vila e instou ao Goberno galego a traballar para dar unha solución á veciñanza.

Calidade urbana

As obras en Concepción Arenal reformarán 8.527,85 metros cadrados de espazo público nunha lonxitude de 670 metros. A nova rúa terá unha plataforma única desestruturada e non lineal con once redutores físicos de velocidade de vehículos, e unha velocidade máxima permitida de 20 quilómetros por hora.

Crearase unha grande praza na fronte do convento de San Bieito e darase un novo tratamento para a praza de Avelino Vicente. En ambos casos limitarase o aparcamento actual para recuperar a maior cantidade de superficie de espazo público para a cidadanía e crearanse zonas de descanso e reunión de grande calidade urbana con espazos verdes, bancos, pérgolas, mobiliario urbano e nova iluminación. Unha vez rematada a reforma integral a estrada pasará a ser de titularidade municipal.