O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou os 21,3 millóns que destina o Goberno a través do PERTE Agroalimentario ao proxecto ‘FG2H-From Green to Healthy’, que exemplifica a aposta do Goberno pola innovación e a procura de alimentos máis sustentables. Fíxoo durante a visita ás instalacións en O Porriño da Compañía Española de Algas Marinas (CEAMSA), unha das firmas que participa no mesmo.

O delegado tivo ocasión de coñecer de primeira man o proxecto no que participa CEAMSA xunto con outras 24 empresas, entre elas a galega Rotogal, e que busca impulsar a industria de alimentación saudable mediante a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade e, en concreto, procurar novas proteínas sustentables a partir das algas. A iniciativa conta cunha axuda de 21,37 millóns de euros do Goberno (20,6 millóns en forma de subvención e 777.000 euros nun préstamo sen interese) que permitirá mobilizar un investimento total de 111 millóns de euros ata xuño de 2025.

“Este é un exemplo máis de que os fondos do Plan de Recuperación do Goberno chegan ás empresas galegas e fano para transformar a nosa economía cara un modelo máis dixital e sostible”, sinalou Pedro Blanco, quen destacou que a empresa mobilizará 4,6 millóns a través do PERTE Agroalimentario para o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o sector dirixidas a produtos baseados en algas e á adquisición de equipos que permitan unha mellora na automatización e dixitalización dos procesos da compañía que reduzan a súa pegada no medio ambiente.

Tamén en materia de sustentabilidade, lembrou que CEAMSA foi a única firma galega beneficiada da liñas de axudas a plans de innovación e sustentabilidade da industria manufactureira no ano 2022 do Ministerio de Industria. A empresa recibiu 5,8 millóns de euros (726.785 euros de subvención e un préstamo a tipo cero de 5.087.495 euros) dos fondos do Plan de Recuperación para unha caldeira de biomasa para secar algas cun custo de 7,3 millóns de euros.

Nesta liña, o delegado salientou a aposta do Goberno por solucións innovadoras que melloren a vida das persoas. “Estamos a falar dun investimento histórico por parte do Goberno, con preto de 3.000 millóns de euros do Plan de Recuperación que xa teñen chegado a máis de 25.000 firmas na nosa comunidade, máis de 7.000 na provincia de Pontevedra, o que demostra que o Goberno de Pedro Sánchez é o mellor aliado das empresas galegas”, apuntou.

Catro proxectos con participación de Galicia

Pedro Blanco informou de que o PERTE Agroalimentario mobiliza preto de 2.000 millóns de euros en axudas a través das súas diferentes convocatorias que xestionan os Ministerios de Industria, Agricultura e Ciencia. A primeira destas convocatorias foi xestionada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e nela foron seleccionados 4 proxectos nos que participan empresas de Galicia e que reciben unha axuda do Goberno de 54 millóns de euros.

Así, ademais de ‘FG2T-From Green To Healthy’, figuran o proxecto ‘SMARTZ4MILK’, liderado polo grupo Lence, que busca mellorar a trazabilidade do leite e do que forman parte 8 empresas; ‘Graperte’, promovido pola Federación Española do Viño con 19 empresas, entre elas tres adegas galegas (Martín Códax, Terras Gauda e Viña Costeira), e o proxecto ‘AccelerEAT’, no que participan as galegas Hifas da Terra e Innolact dun total de 18 empresas.

“As empresas galegas saben que poden contar co Goberno e cos fondos do Plan de Recuperación, que vén de ser ampliado por Bruxelas, o que demostra que estamos a facer as cousas e nesa liña imos seguir, do lado das empresas”, indicou o delegado, que animou a non deixar pasar a oportunidade histórica que supoñen os fondos do Plan de Recuperación do Goberno para a transformación e modernización do modelo produtivo galego.