Preto de 200 alumnos de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier, participaron no concerto didáctico realizado na mañá deste venres pola Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal na biblioteca do centro.

Co fin de promocionar a escola de música e para facer máis levadío o inicio do curso destes escolares, o grupo formado por 8 profesores e músicos da agrupación, da man do novo director da banda Javier Alonso, fixeron pasar un rato moi divertido a todos os nenos.

A través de historias, ritmos e cancións coñecidas por todos eles foron coñecendo distintos instrumentos de vento madeira, vento metal e corda, como o fagot, trompa, trombón, bombardino, tuba, violoncello e contrabaixo.

Unha experiencia moi gratificante que seguro que se volverá a repetir no futuro, agradecendo dende a asociación a colaboración prestada pola dirección e profesorado do Colexio da «Mata».