A Escola Eu Rural comeza o ano 2019 cun forza e cun curso de formación en Tomiño. Do 14 ao 30 de xaneiro, a vila tomiñesa acollerá o curso ‘O ben feito ben parece’, unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas á todas as persoas participantes para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos e de éxito.

Centrado na comercialización de produtos tanto do sector primario como doutros sectores, este curso de 36 horas de duración impartirase en Tomiño os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro de 16.30 a 20.30 horas. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse de balde a través da web de Eu Rural (eurural.org), dirixíndose ao apartado denominado Escola e enchendo o formulario on line (Eurural). Pode inscribirse e participar neste curso calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que viva nun concello distinto do que acolle o curso.

Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así como a calquera persoa interesada, este curso servirá para que todos e todas as participantes adquiran coñecementos vinculados ao escaparatismo, á presentación do produto, á paquetería comercial e ao visual merchandising. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta dende os puntos de atracción visual ou o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio para visibilizar os produtos e favorecer as compras.