A Escola Municipal de Teatro de Tomiño consolídase coma un referente cultural na comarca
Escola Municipal de Teatro de Tomiño

O vindeiro 6 de novembro, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño inicia un novo curso con grupos de infantil, mocidade e persoas adultas. Logo de varios anos de funcionamento, a entidade está xa consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño.

As profesoras encargadas son Tamara e Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro, que explican o obxectivo da actividade, cada vez máis consolidada entre a poboación. “Trátase de introducir ás persoas no mundo teatral, ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos expresivos e comunicativos”. Expresión dramática, creación, ensaio e posta en escena dan coma resultado varias pezas teatrais que se presentan a final de curso.

Todas as clases serán impartidas os días martes polas tardes. De 16.00 a 17.30 grupo de 9 a 12 anos; de 17.30 a 19.00, de 4 a 8 anos; de 19.00 a 20.30 de 13 a 17 anos. Todos estes grupos terán clase no auditorio de Goián, mentres que a Casa da Cultura acollerá o grupo de adultos (a partir de 18 anos), tamén os martes, de 20.30 a 22 horas. A cota que teñen que abonar os alumnos é de 15 euros ao mes.

As clases de teatro para nenos e mocidade levan impartíndose varios anos, estando totalmente consolidadas, con máis de 50 participantes, mentres que as de adultos, comezaron a funcionar o pasado curso. Este grupo está composto na actualidade por 10 persoas, homes e mulleres, de entre 20 e 80 anos. “Despois do éxito alcanzado o ano pasado, este ano nos gustaría encher as 18 prazas dispoñibles”, salienta Beatriz Campos.

As aulas son eminentemente prácticas e nelas trabállanse os aspectos básicos da creación escénica. Improvisacións, xogos dramático, expresión oral, movemento expresivo, ritmo, creación de personaxe son algúns dos contidos que se abordan o longo do curso.

O ano pasado para finalizar o curso os propios alumnos crearon e levaron a escena distintas pezas teatrais (no caso dos adultos, a obra “A lenda da cabaleira negra”), que conseguiron encher de risas e aplausos o auditorio de Goián.