A escritora Marta Dacosta destacou na conferencia organizada polo BNG e a Fundación Galiza que, 75 despois da súa morte, existe aínda unha débeda de recoñecemento con Castelao e insistiu na necesidade de difundir a figura íntegra do nacionalista. No acto, que se enmarca dentro do programa organizado con motivo do Ano Castelao, reivindicouse a súa condición como primeiro presidente de Galiza.
A conferencia de Marta Dacosta que tivo lugar en Gondomar contou coa participación dos portavoces e concelleiros do BNG de Baiona e Nigrán e da concelleira e de Gondomar e deputada provincial do BNG que destacaron o amplo programa que o BNG está a desenvolver con motivo do Ano Castelao por todo o país porque, segundo declarou a deputada Manuela R. Pumar, «é necesario difundir a súa figura na súa integridade, a dimensión inmensa dese brillante artista, escritor, investigador que, segundo el mesmo dicía, era fundamentalmente político«.
Neste sentido, os tres responsábeis do BNG no Val Miñor lamentaron que, nesta conmemoración, se estea a ocultar a súa condición de político nacionalista e criticaron que o voto en contra do PP e a abstención do PSOE impedise o recoñecemento oficial de Castelao no Parlamento Galego como primeiro presidente lexítimo de Galiza, o que propuña o BNG por se poñer á fronte do Consello de Galiza, o goberno galego no exilio.
No acto participaron tamén o Responsábel Local do BNG de Gondomar e militantes de Galiza Nova que leron textos de Castelao e o debuxante Tokio, que realizou en directo varias ilustracións baseadas en deseños de Castelao.
Do mesmo xeito, Marta Dacosta destacou que é preciso poñer o foco no pensamento de Castelao que traslada a verdadeira trabe de toda a súa obra: a defensa dos dereitos e o amor a Galiza e o nacionalismo que preside a súa praxe, a súa obra literaria e artística e a súa teoría política. No acto, lamentouse que «se continúe a teimar deturpar a súa figura ocultando ou negando oa súa clara condición nacionalista, o que evidencia que a súa figura aínda é incómoda».
Por iso, reivindicou o seu «legado político, a súa xenerosa e brillante obra, en que foi quen de recoller as demandas do pobo galego e mesmo doutros pobos do mundo, así como a súa capacidade de reivindicar os dereitos das mulleres a través das súas personaxes femininas e a súa traxectoria de compromiso co noso país que teñen que ser guía para continuar defendendo os nosos intereses, os das clases populares e tamén as loitas de liberación nacional no mundo e de costas á orde internacional que impoñen as grandes potencias colonizadoras que é a grande lección que nos deixou«. E engadiu “Castelao é unha figura central da arte e da política que demostrou unha capacidade de análise e de acción que o converten nun adiantado ao seu tempo. Colocou o noso idioma no centro do seu pensamento e desde aí creou unha obra literaria, plástica e política que nos coloca na universalidade.”
Cun amplo programa de actos, o BNG e a FGS están a poñer o foco na traxectoria do que consideran unha «das principais figuras da nosa historia, fundamental para entender o nacionalismo de hoxe». Distintas personalidades coñecedoras da figura de Castelao como Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Marta Dacosta ou Xoán Carlos Garrido Couceiro participan no ciclo de conferencias que se desenvolve ao longo de todo o país xunto con outras iniciativas de promoción e difusión neste ano en que se cumpre o 75 aniversario do seu falecemento.
Recoñecen a Castelao como referencia fundamental para o proxecto político e ideolóxico do nacionalismo, imprescindíbel para entender a historia de Galiza e un líder indiscutíbel dunha dimensión e integridade únicas. «O nacionalismo galego ten desde a súa reorganización unha guía clara que foi o seu maxisterio e o seu libro Sempre en Galiza, coa defensa da necesidade de crear organizacións propias e a urxencia de ampliar as bases até construír un gran movemento de masas, o mesmo obxectivo que animaba o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda«.
Destacan así que Castelao é unha figura clave sen a que o nacionalismo galego non sería hoxe o proxecto transformador de defensa de Galiza que é, seguino a lección que Castelao expresou dicindo que «o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos».
Un recoñecemento necesario
«Son feliz porque teño a esperanza de morrer na miña terra. Eu hei de ir alá, cando sobre a miña patria alumee o sol da liberdade e nos vales do meu país resoe o aturuxo da vitoria», dixo nos seus últimos tempos mais non puido ser. Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886) tiña vontade de pasar os seus últimos días na Galiza mais o exilio, provocado pola represión franquista iniciada no golpe militar de 1936, prolongouse e faleceu o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires.
BNG e a FGS lembran que, naquela altura, a Dirección General de Prensa franquista remitía unha consigna aos xornais para limitar a difusión da noticia que, en todo caso, citaría só a súa condición de «humorista, literato e caricaturista». De facer referencia á personalidade política tería que sinalar que «fora errada».
Setenta e cinco anos despois, o BNG e a FGS queren «poñer fin á débeda de recoñecemento cunha figura inmensa, fundadora, un político nacionalista cunha obra que só se pode explicar desde o amor e o compromiso con Galiza. A súa vida e a súa obra responden a unha defensa férrea dos dereitos da nosa terra, da nosa lingua e a nosa cultura mais tamén do noso dereito a producir e a construír un futuro mellor para a nosa xente. Militante, dirixente político, escritor, artista, pensador, investigador e, tamén, o primeiro presidente de Galiza, todo co mesmo obxectivo, unha Galiza libre que poda decidir o seu propio futuro».
