A Eurocidade Cerveira-Tomiño será a sede dunha nova reunión do proxecto THRUST (Trusting in Human Resources for Union Solidarity and Teamwork), un programa europeo que busca o intercambio de pareceres sobre problemas que afectan á Unión Europea e a valores como a dignidade humana e a loita contra a discriminación e a xenofobia.

Os vindeiros días 25, 26 e 27 de outubro, representantes de sete países visitarán Cerveira e Tomiño para coñecer de primeira man a experiencia de relación e convivencia transfronteiriza da Eurocidade.

Durante tres días persoas voluntarias, ONGs e asociacións dos sete países socios do proxecto (Alemaña, España, Italia, Letonia, Polonia, Portugal e Suecia) compartirán as súas experiencias en voluntariado, especialmente naqueles ámbitos relacionados coa inmigración; debaterán sobre políticas de solidariedade e inclusión e compartirán obxectivos e boas prácticas de integración e relación intercultural.

Workshop, visitas e Deporte e Amizade

Ademais de como anfitrións, Tomiño e Cerveira participarán nesta reunión de xeito activo presentando a experiencia de cooperación transfronteiriza na Eurocidade e transmitindo ás persoas participantes a experiencia da arquitectura indiana e a súa relación coa emigración galega. Así, o venres 25 a cámara municipal de Cerveira acollerá os workshops iniciais das xornadas, sobre inmigración e voluntariado e sobre migración e integración, con participación de inmigrantes residentes na vila potuguesa. A xornada rematará coa visita ao Castelo D. Dinis, ao Cervo e ao Convento San Payo.

Durante a segunda xornada, o sábado 26, as persoas participantes visitarán a Escola Peirópolis, en Tomiño, exemplo de arquitectura indiana, para logo acudir ao viveiro Cultivos Casaíta e finalizar cunha visita e almorzo no Mercado de Tomiño, onde se presentará a Eurocidade Cerveira-Tomiño. Xa o domingo 27 as delegacións europeas participarán no encontro Deporto e Amizade organizado pola Eurocidade no Parque de Lazer do Castelinho de 10 a 14 h.

Proxecto THRUST

A participación no proxecto THRUST foi impulsada polo municipio de Vila Nova de Cerveira e conta con outros seis concellos socios participantes: Tomiño (Galicia, España), Filipstad (Suecia), Mielno (Polonia), Amt Trittau (Alemaña), Siguldas Novads (Letonia) e Vallerano (Italia). O obxectivo é crear as condicións necesarias para compartir opinións e experiencias en cuestións de voluntariado, especialmente nas referentes ao problema da inmigración, un problema crecente que debe ser resolto a través da cooperación e da solidariedade ente as comunidades e os países.