A Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza unha xornada deportiva no marco do programa «Deporte para todas as persoas», con xogos deportivos e tradicionais, andaina curta (paseo) e aula de Pilates. Será o vindeiro domingo, 27 de outubro, no Parque do Castelinho (Vila Nova de Cerveira) de 10:00 a 13:00 horas (hora galega).

Para participar na xornada «Deporte e Amizade», é recomendable inscribirse previamente en geral.manos.sa@gmail.com ata o 24 de outubro, sendo a actividade totalmente de balde.

«Deporte para todas as persoas» é un programa de actividades deportivas gratuítas que se levan a cabo en equipamentos dos dous concellos, e que inclúe tres variedades de actividades: piscina en familia, actividades para maiores de 55 anos e práctica de diversas modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira.

Máis de 400 persoas teñen participado neste programa, iniciado en setembro de 2018, e que xa organizou tamén dúas andainas transfronteirizas.

Estas actividades deportivas que convidan aos veciños dos dous municipios a compartir prácticas saudables, forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, con fondos FEDER da Unión Europea.