Dende este sábado 8 de xuño e ata o vindeiro 7 de xullo, ámbolos dous inclusive, poderemos desfrutar no marco incomparable do paseo Ribeira de Baiona da exposición fotográfica “Vento nas Velas” do fotógrafo Xurxo Lobato.

Dita exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Baiona, está composta por cinco grandes cubos expositivos de carácter didáctico, pensada para achegar ao público a cultura marítima da nosa provincia.

O obxectivo é poñer en valor esta área do patrimonio galego, empregando como medios, textos e fotografías, as publicadas no 2017, no libro da mesma autoría “Vento nas Velas”.

A exposición compleméntase cun concerto denominado “Música nas Velas”, un espectáculo musical no que participarán Xurxo Souto, o Orfeón do Berbés e máis artistas convidados. Dito concerto está previsto nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o vindeiro domingo 16 de xuño, ás 19:30 horas.