Este luns no Pazo Provincial, o alcalde de Gondomar e o Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, asinaron o convenio de colaboración do PON2030 para a remodelación da Alameda da vila Condal.

Este convenio, tal e como di a noticia publicada nos xornais, redes sociais e no portal oficial da Deputación Provincial de Pontevedra, «servirá para a renovación integral da Alameda e a súa contorna a través da eliminación do tráfico rodado na maior parte do ámbito, permitindo unicamente a circulación de residentes por unha soa rúa e cunha velocidade limitada a 10 quilómetros hora”.

«Deste xeito vense confirmar o que o Partido Popular, a través da súa voceira Paula Bouzós, dixo no Pleno celebrado o pasado mes de novembro, que o convenio que ven de asinar o Sr. Ferreira recolle o proxecto inicial sen que se modificase nin unha soa coma», sinalan dende o PP.

Desde o PP gondomareño queren deixar claro que «a negativa do alcalde a modificar o proxecto para contar co seu voto a favor demostra o que agora ven a confirmarse, que a obra vaise facer tal e como consta no proxecto».

Non é lóxico que os papeis digan unha cousa, o alcalde diga no pleno o contrario e semana máis tarde asine un convenio que confirma o que nos dixemos, paréceme que alguén terá que dar algunha explicación”, matiza Paula Bouzós.