O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que no seu décimo cuarta edición celébrase na Guarda do 11 ao 14 de xullo, será o primeiro da historia no que boa parte dos barcos realice unha travesía en mar aberto para aproximarse ao escenario de celebración. Esta singradura comporta unha gran dificultade á hora de manexar as unidades de máis de seis metros de eslora, xa que a maior parte delas foron deseñadas para a pesca e a cabotaxe en augas costeiras.

O punto de encontro para as embarcacións do norte, que parten desde Muros, e as do sur será as Illas Cíes, a cuxo abrigo pernoitará a frota para saír ao día seguinte cara á Guarda. Dado que a travesía obriga a navegar a máis de cinco millas dun abrigo ou praia accesible, decidiuse, xunto coas autoridades competentes, que a frota viaxase en convoi co apoio doutras embarcacións, entre elas o remolcador Sebastián Ocampo da Xunta de Galicia. Todo este percorrido previo quedará plasmado nun vídeo que mostrará a aventura por mar dos participantes galegos nesta décimo cuarta edición do Encontro.

Non será esta a única novidade respecto a edicións pasadas. A singular localización da localidade do Baixo Miño, entre o mar Atlántico e o río Miño, permitirá á organización mostrar aos asistentes o conxunto de tradicións marítimas e fluviais da zona, xunto co patrimonio galaico-portugués, de enorme riqueza histórica e descoñecido para moitos.

Outra das peculiaridades da cita guardesa é que as embarcacións permanecerán fondeadas, tal e como se facía historicamente no porto da Guarda, en lugar de amarradas a peiraos e pantaláns. Así mesmo, toda a frota estará disposta de tal forma que sexa posible a súa visión na súa totalidade desde calquera punto da enseada.

Unha cita imprescindible do 11 ao 14 de xullo

A exhibición das embarcacións tradicionais de Galicia, xunto con algunhas doutras localidades españolas e mesmo algunha foránea, forma parte dun amplo programa de actividades culturais e lúdicas, organizado por Culturmar, Asociación Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.

Actuacións musicais, obradoiros, exposicións, gastronomía e navegacións a bordo destes barcos que forman parte do patrimonio cultural conforman a atractiva oferta da celebración que terá lugar na Guarda do 11 ao 14 de xullo e que hoxe se presentou de forma oficial no Museo do Pobo Galego, na capital galega.

Intervención das autoridades no acto de presentación

O presidente de Culturmar, Manuel García Sendón, referiuse na súa intervención á importancia de salvagardar o patrimonio marítimo galego e neste sentido destacou a importancia do Encontro como «festa reivindicativa e de exhibición patrimonial protagonizada pola nosa frota».

García Sendón explicou que a idea de organizar esta celebración cada dous anos nunha vila mariñeira diferente, «é laboriosa, porque sempre partimos de cero, pero axúdanos a dar a coñecer a nosa cultura por toda a xeografía galega».

Pola súa banda, o presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla, manifestou o seu agradecemento a Culturmar e ao pobo da Guarda, «que se está envorcando nos preparativos da celebración». Cadilla, que fixo referencia no seu discurso a Valentín Paz Andrade e Eliseo Alonso, sinalou que o traballo que está a realizar Piueiro desde a súa constitución ten como obxecto preservar o noso patrimonio «porque non queremos que se perda a alma deste pobo».

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, destacaron pola súa banda o acertado da elección da Guarda como sede do Encontro, «tanto pola súa historia como polo seu presente vinculado ao mundo do mar», como apuntou Santos Héctor.

Por último, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta traballa nun plan de acción único para a conservación do patrimonio marítimo-pesqueiro. Segundo sinalou a conselleira prevese que a parte de inicial deste plan estea lista a mediados de 2020 e que se comece a actuar no 2021.

Ademais das autoridades que interviñeron no acto, á presentación en Santiago tamén asistiu o presidente de Portos de Galicia e o tenente alcalde da Guarda, así como membros de Culturmar e Piueiro.