A poetisa Rosalía de Castro

Este sábado, ás 20:00 horas, a Casa dos Alonso da Guarda acolle a inauguración da Exposición “Airiños aires, Rosalía”, unha mostra que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo, Xurxo Lobato, rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana, tanto en Galicia como fóra dela.

A través das cincuenta imaxes de gran formato, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade.

“Airiños Aires, Rosalía”, permítenos emprender, do 8 de febreiro o 8  de marzo, unha viaxe singular a partires das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou.

A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía.

Na última parte da exposición,“Airiños Aires, Rosalía” distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse aos novos usos e costumes.

A Exposición estará nos baixos da Casa do Alonso dende este sábado ata o 8 de marzo en horario de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas, e as fins de semana, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.