A pasada fin de semana A Guarda celebrou as Festas do Corpus e do Santísimo coa elaboración das tradicionais Alfombras Florais.

Dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron na mañá do pasado domingo para a confección dos tapices florais.

Deste xeito, traballaron a reo os veciños do pobo e visitantes que, colectivamente e de modo espontáneo, organízanse para levar a cabo esta actividade, a realización duns 2.300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, na xornada do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalan para esta ocasión.

As previsións meteorolóxicas obrigaron a comezar a confección das alfombras a primeira hora da mañá e a atrasar a Procesión ata ás seis da tarde, o que permitíu tamén que moitos visitantes e veciños se achegasen para desfrutar deste espectáculo de cor.

Dende o Concello da Guarda e dende a Asociación Cultural Alfombras da Guarda queren agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posible que esta celebración fose todo un éxito e así poder continuar con esta tradición ano a ano, alfombristas, colaboradores, confrarías, Policía Local e persoal municipal de limpeza.