A Guarda mejora la accesibilidad de la “Rúa Baixo Muro” para poner en valor la Muralla Medieval

O Concello da Guarda continúa traballando para que a apertura da Rúa Baixo Muro sexa unha realizade proximamente.

Dende fai anos o Concello traballa na mellora da accesibilidade da Rúa Baixo Muro da Guarda, unha rúa na que se atopa un dos elementos patrimoniais característicos do casco histórico da vila como é a Muralla Medieval.

En febreiro deste ano recibiuse, por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a aprobación do Informe ambiental estratéxico para a modificación puntual nº5 do Plan Xeral de Ordenación Urbana(PXOU), que permitirá a conexión da Rúa Baixo Muro coa Rúa Ireira.

Este Informe permite continuar coa tramitación para que esta actuación sexa unha realidade, permitindo por unha banda, mellorar a accesibilidade desta zona do casco histórico, unha zona con fortes desniveis con escaleiras, pondo en valor por outra banda, un elemento moi importante do patrimonio da vila da Guarda. Ademais, esta actuación permitirá mellorar o acceso a unha boa parte da poboación á zona comercial.

Nesta actuación contémplase a expropiación de parte dunha parcela e o derrubo dunha edificación auxiliar para realizar a apertura.

No pleno extraordinario do pasado martes aprobouse a modificación puntual do PXOU para a apertura da nova vía de conexión entre a Rúa Baixo Muro e a Rúa Ireira tendo en conta criterios de accesibilidade, integración efectiva á rede viaria circundante e tamén protección do patrimonio, permitindo redebuxar un tramo da antiga muralla no tecido viario da vila.

Esta modificación puntual conta xa cos informes favorables dos servizos técnicos e xurídicos, así como do informe de intervención sobre a viabilidade económica da actuación proposta, do informe da secretaría municipal, e redactado o documento de suspensión o outorgamento de licencias.