O BNG logrou o apoio do Pleno da Guarda a unha moción na que  demandaba condenar as accións xenocidas do Estado de Israel na faixa de Gaza, e esixir medidas concretas ante a masacre e a catástrofe humanitaria que padece o pobo palestino.

O Pleno declarou a Benjamin Netanyahu e o seu goberno persoas non gratas pola súa responsabilidade no xenocidio en curso. A iniciativa insta tamén ao Goberno español a facer efectivo o embargo total de armas, acordado no Congreso, así como a ruptura de relacións comerciais e diplomáticas con Israel.

Por outro lado, tamén se demanda ao Goberno galego que suspenda toda cooperación con Israel, directa ou indirecta, e tamén calquera contrato público con empresas ligadas á industria militar israelí. Aliás, compromete a ambas administracións ao envío de axuda humanitaria.

O portavoz do BNG, Anxo Baz declarou «este pronunciamento  é unha oportunidade para poder colocarnos todas e todos no lado correcto da Historia. Diante do despropósito que supuxo a retirada da bandeira Palestina do Monte Trega por parte do goberno municipal, este pronunciamento do pleno do Concello, sitúa A Guarda nunha posición clara de defensa dos dereitos humanos fronte ao terror e á barbarie”.

O nacionalista concluíu «o acordo fai un chamamento a todas as institucións para actuar con firmeza e lograr un cesar-o-fogo inmediato e definitivo e a apertura de corredores humanitarios, como primeiros pasos para poñer fin a tanto sufrimento inxusto».