A poetisa Rosalía de Castro

O 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da literatura galega, e é por iso que ese día é o escollido para rememorar a súa obra e figura en toda Galicia.

A Concellería de Cultura do Concello da Guarda, prepara cada ano variadas actividades nas que se busca a implicación de diferentes colectivos, moi especialmente o alumnado dos diferentes centros. Para este 2019 contarase coa participación das asociacións, hostaleiros e público en xeral con diversas actividades.

As actividades arrancan xa este venres pola mañá no Centro Cultural cunha obra de teatro de monicreques sobre “A Viaxe de Rosalía”, na que participarán os Colexios da vila.

Concerto-recital

Na xornada do sábado 23, ás 20:30 horas, o Centro Cultural acollerá o concerto-recital do grupo Evoéh, sexteto musical que amosará unha coidada versión dos poemas de «Cantares Galegos» de Rosalía de Castro. A entrada será de balde ata completar o aforo.

O Concerto de Evoéh, baixo o concepto de «Árbore da vida», é un proxecto de investigación, recopilación, reelaboración e creación baseado na obra “Cantares gallegos” da paetisa galega nos traballos musicolóxicos galegos que datan dese momento.

Caldo de Gloria

Un total de once restaurantes, taperías, cafeterías e bares da Guarda participan do 22 ó 24 de febreiro na iniciativa “Caldo de Gloria” que promove a Fundación Rosalía de Castro entre todos os hostaleiros do país. A proposta consiste en ofertar dentro dos menús habituais, a carta ou como tapa, o «Caldo de Gloria», receta que aparece dentro do poema “Miña casiña, meu lar” no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

Os establecementos participantes nesta iniciativa son La Casilla, Casa Aquilino, La Pizzicata, Tapería Arruaz, As Pozas, ¿Y la Luna?, Marbella, Enxebre, Alborada, Camping Santa Tecla y Brétema.

Aberta a participación cidadá en «Rosalía nas Redes»

A Concellería de Cultura convída a participar na iniciativa «Rosalía nas Redes», entre o 21 e o 28 de febreiro. Só hai que facer unha gravación musicando ou recitando un poema, ou versión musicada de Rosalía de Castro da túa elección e compartilo no Facebook e no twiter baixo o hashtag #Rosalíate #Aguarda etiquetando a @culturaguarda.