De conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas convócase, con carácter previo á modificación da ordenanza reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público, unha consulta pública na que se solicitará a opinión dos suxeitos e as organizacións mais representativas afectados pola futura norma.

Os eventuais interesados poderán participar remitindo as súas contribucións na sede electrónica do concello. A consulta pública estará aberta dende o día 15 de abril ata o día 3 de maio.

Co obxecto de facilitar a participación na consulta pública, facilítase a seguinte información:

Antecedentes da norma

  • A ordenanza reguladora de ocupación temporal de terrazas do concello da Guarda, aprobada en sesión do Pleno da Corporación de 27 de setembro de 2013 e publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de data 10 de outubro de 2013.

Problemas que se pretenden solucionar coa nova normativa

  • Trátase de buscar un marco normativo máis amplo, con maiores posibilidades de desenvolvemento da actividade hostaleira beneficiosa para o seu negocio e para o ocio e desfrute dos cidadáns, que permita responder dunha forma máis flexible aos posibles cambios que vaian acontecendo e baixo a consideración do espazo público como un espazo de convivencia, que é de todos, e en que o uso e desfrute colectivo estea asegurado. Nesta nova norma tense en especial consideración as características propias da área portuaria por ser este o punto de maior congregación de terrazas e de usuarios.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación

  • A redacción dun proxecto regulador das instalacións dos establecementos ubicados no porto da Guarda no que se unifica a súa imaxe cunha solución estética única fai necesaria a modificación da ordenanza reguladora para adaptarse a esta.

Obxectivos da norma

  • Trátase de regular a ocupación do espazo de dominio público dunha forma ordenada, buscando o desenvolvemento beneficioso da actividade hostaleira protexendo non só os dereitos dos cidadáns senón tamén a paisaxe urbana en función das características propias do noso concello e de cada unha das súas zonas. Posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias: Non se contemplan.