O pleno do Concello da Guarda aprobou por unanimidade na sesión celebrada no día de onte unha moción presentada polo BNG na que se demanda ao Goberno Central e a Xunta de Galiza un transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra as portas a Constitución da Eurocidade A Guarda- Caminha.
Anxo Baz, portavoz dos nacionalistas, foi o encargado de defender a proposta e argumentou “o ferry, que une A Guarda con Caminha, fai anos que quedou obsoleto. Trátase dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten. Esta realidade condiciona uns horarios que veñen determinados polas mareas o que impide ter frecuencias regulares e estruturadas”.
Noutro momento da súa intervención o nacionalista afirmou, “non podemos conformarnos cun ferry que xa non cumpre coas expectativas mínimas. Precisamos dun compromiso entre o Goberno do Estado Español, o goberno Portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra, o mesmo tempo, as portas a Constitución da Eurocidade A Guarda- Caminha». O nacionalista rematou dicindo que «a presión social exercidade pola cidadanía guardesa comeza a amosar os seus primeiros froitos”.