Anxo Baz, Tenente-alcalde da Guarda

O pasado mércores, Anxo Baz, Tenente-alcalde da Guarda, reuniuse cos representantes da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, entidade coordinadora na nosa comunidade do chamado «Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía», para impulsar e axudar a cumprir os compromisos en materia de enerxía e clima.

O «Pacto» agrupa a milleiros de gobernos locais que de forma voluntaria comprométense a implantar os obxectivos da UE en materia de clima e enerxía, de redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40 % para 2030 e á adopción dun enfoque común para o impulso da mitigación e a adaptación ao cambio climático.

A Guarda comprométese a realizar un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostenible (PACES) no que se recollerán as accións chave que se pretenden acometer, cun plan de Inventario de Emisións de Referencia para realizar un seguimento das accións de mitigación e unha avaliación dos riscos e vulnerabilidades climáticas. Todo este proceso será monitorizado cada dous anos para comprobar a implantación destes plans no municipio.

Anxo Baz, manifestou que, neste senso A Guarda xa leva anos traballando nesta liña, incrementando o horario de atención e mellorando as instalacións do Punto Limpo da vila, instalando contedores de recollida de textís e aceites usados, cambio de luminarias por tipo led, instalación de caldeiras de biomasa en edificios públicos, entre outras accións que se marcan dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.