O Concello da Guarda programa un total de cinco representacións teatrais nesta tempada de outono, tratase das obras “A nena que quería navegar”, “Invisibles”, “O mel non caduca”, “Rosa Caramelo” e “Running”, obras que se levarán a cabo entre o 26 de setembro e o 11 de decembro deste ano.

Esta programación arrancou xa na xornada do pasado sábado día 26 de setembro  coa obra “A nena que quería navegar” e continúa este sábado día 3 de outubro coa obra “Invisibles” ás 20:00 horas no Centro Cultural, é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.

O venres día 16 de outubro ás 21:00 horas no Centro Cultural continúa a programación de teatro coa obra “O mel non caduca”. É un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.

O sábado 24 de outubro ás 18:00 horas, é a quenda da obra “Rosa Caramelo”, é Un espectáculo para nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Nesta montaxe composta de catro historias nas que combinan a palabra e a música en directo, trataremos de crear unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.

Xa para pechar este ciclo de teatro de outono, o venres 11 de decembro ás 21:00 horas o Centro Cultural será o escenario para a representación teatral de “Running”, onde os 2 actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética.

Para todas as representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 611 850, enviando un enderezo electrónico a centrocultural@aguarda.es ou acudindo ata o propio Centro Cultural dende o luns previo a cada actividade, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres. O aforo é limitado.

Actividades para celebrar o día da biblioteca na Guarda

  • A Biblioteca Pública Municipal da Guarda prepara diversas actividades no mes de outubro para celebrar o mes da Biblioteca e o Día da Biblioteca (24 de outubro).

Cantacontos, con Migallas Teatro

  • Sábado 10 de outubro ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural
  • En “Cantacontos” os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos. Todos os contos tratan cuestións próximas ao público infantil, e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.
  • Público: Nenos de 4 a 11 anos e familias.

Obradoiro de Cómic e Banda Deseñada, con Santy Gutiérrez

  • Sábado 17 de outubro. Dúas sesións: ás 11:30 e ás 12:30 horas na Sala de Exposicións do Centro Cultural.
  • Obradoiro de banda deseñada: os rapaces aprenderán recursos da linguaxe do cómic facendo a súa propia páxina de BD. No cómic atoparán unha ferramenta afín á súa vida que lles axudará a comunicarse, contando as súas propias historias nas que verter as súas propias inquedanzas e intereses.
  • Público: Nenos de 8 a 9 e mocidade.

Trémola Teatro. Que animaliño é?

  • Venres 23 de outubro ás 18:00 horas. Na Sala de Exposicións do Centro Cultural
  • Paula co seu xilófono e a través de diferentes elementos sensoriais fará que os máis pequenos da casa podan coñecer os distintos animais. 3 “que animaliño é?”,  é unha obra para bebés que lles fará gozar, coñecer e recoñecer as cousas que ven ao seu redor.
  • Público: Bebés de 0 a 3 anos e familias.

Todas as actividades precisan inscrición previa na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 649 327 525. Protocolo Covid-19. Bibliotecas seguras.

O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro desde o ano 1997. Este día naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios.

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

Exposición “Río Miño- Memorias transfronteirizas”

Na exposición “Río Miño – memorias transfronteirizas” os visitantes poden contemplar as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos. Esta exposición reflicte o Miño, os seus valores ecolóxicos e patrimoniais, e as xentes que habitan nas súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos. Ademais, amosan a cultura dos Tesouros Humanos Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais, que esta exposición recolle.

Esta exposición itinerante do patrimonio inmaterial que leva a cabo o CIM Alto Minho, en colaboración e coordinación coa DEPO, chega á Guarda, entre o 9 e o 20 de outubro na Casa dos Alonso.

Trail do Trega

O domingo día 11 de outubro o Trail do Trega chega á súa sétima edición con 14km de percorrido e preto de 800m de desnivel. Debido a pandemia da COVID 19, estará limitada a 300 prazas e as saídas serán de 10 atletas cada 30 segundos. A proba transcorrerá 100% polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. A proba arranca ás 10:30 horas dende a Alameda da Guarda.

Así mesmo, se organizará unha andaina guiada de 10 km e con 500 metros de desnivel. Límite de 100 participantes, que sairá ás 10:00 horas dende a Alameda da Guarda.

Actividades para festexar o Samaín

A concellería de Cultura programa entre o 20 e o 28 de outubro diversas actividades online para festexar o Samaín con “Facemos un trato”.

O día 31 terá lugar o espectáculo “Contos para caghar patatillas” do elenco de Brais das Hortas e dirixido ao público infantil e familiar, no Centro Cultural ás 18:00 horas.

É preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 611 850, enviando un enderezo electrónico a centrocultural@aguarda.es ou acudindo ata o propio Centro Cultural o luns previo á actividade, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres. O aforo é limitado.

Máis actividades

  • Charlas de igualdade organizadas pola ANPA CEIP A SANGRIÑA (Cada martes dende o 20 de outubro ata o 17 de novembro) no Centro Cultural.
  • Presentación do libro de Denis Maza “La mística de un grano de arena” (22 e 23 de outubro).