Baixo o concepto de «A Guarda escrita nas estrelas», este venres foi presentado ante case medio cento de asistentes o novo deseño do pintado do espigón norte do Porto da Guarda, contando coa presenza dos artistas Alberto Brandon e Nuria Villa, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Cultura, Elena Baz.

Segundo explicaron Alberto e Nuria, «sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día.» Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.

A primeira tarefa foi como concretar e unir, nun lenzo tan apaisado como é o espigón, toda esa posible iconografía e que teña un sentido único, para elo se tomou coma referencia o horizonte, onde o espigón elévase sobre o nivel do mar, decidindo crear un universo, un ceo estrelado onde a historia da vila da Guarda se amose en xeito de constelacións e planetas, empregando unha gama cromática extraída do propio entorno portuario.

A intención inicial dos artistas é a de dividir o espigón en tres espazos, dando cabida ás tres parroquias, A Guarda, Camposancos e Salcidos representando deste xeito o «universo guardés», e onde a parte literaria estará representada cun fragmento do libro «De mar a mar» do poeta Feliciano Rolán.

As diferentes escalas da iconografía non buscan que se vexan perfectamente dende as beiras do paseo ou dende o alto do Monte Santa Trega, senón que a xente teña curiosidade e se achegue ata o espigón para descubrir o que alí se vai a plasmar, xerando inquietude, movemento e tamén difusión deste proxecto artístico.

O resultado final, fará que o espigón do Porto da Guarda sexa un museo visual no que os veciños e visitantes da Guarda vexan, recorden e interactúen con boa parte da historia da nosa vila.