O Concello da Guarda continúa coas actividades do proxecto de dinamización lingüística “A Guarda dálle á lingua: Os precursores a escena” cunha sesión de cine e coloquio que terá lugar este venres ás 20:30 horas no Centro Cultural.
A proposta comezará coa proxección de Antes de nós, produción galega estreada en 2025 que aborda a figura de Castelao nunha etapa anterior á súa consolidación como unha das principais figuras da historia de Galicia.
Tras a proxección terá lugar un coloquio aberto ás persoas interesadas, conducido pola Asociación FOCO Europa. O encontro permitirá afondar nos contidos do filme e xerar un espazo de reflexión e participación arredor da figura de Castelao, a cultura galega e o papel da lingua.
A actividade forma parte do ciclo “A Guarda dálle á lingua: Os precursores a escena”, unha iniciativa posta en marcha neste 2026 polo Concello da Guarda, a través do Departamento de Cultura, co obxectivo de rescatar e divulgar dun xeito lúdico e ameno o legado de figuras que loitaron, ao longo dos séculos, pola dignificación e o recoñecemento da lingua galega na esfera pública.
O proxecto pretende achegar estas figuras e o seu legado á cidadanía, especialmente ás novas xeracións, empregando diferentes formatos e propostas culturais que permitan coñecer a historia da lingua galega desde unha perspectiva próxima, participativa e atractiva.

