O pasado xoves 4 de xullo, o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolleu a entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos, na que A Guarda e a «Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira» foron galardoadas co «Premio ao Destino Gastronómico», acto ao que asistiron, en representación do municipio, o alcalde da vila, Antonio Lomba; a Concelleira de Turismo, Bea Lomba, a Concelleira de Educación, formación e promoción do emprego; participación cidadá e voluntariado, Fátima Rodríguez Marcos e o Concelleiro de Tráfico e emerxencias, e medio ambiente, Xan Lois Lomba Alonso.

O acto de entrega da IX edición dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos realizouse na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, un escaparate idóneo para recoller este galardón para o pobo da Guarda e para a Festa da Langosta, onde tamén se fixo unha presentación turística da vila coa proxección dun vídeo, convidando aos asistentes a asistir esta fin de semana á XXIX edición no Porto da Guarda.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómica de referencia a nivel comarcal e autonómico, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.