Alba Vicente co galardón

A música de Bach e Piazzolla, da man do dúo de piano e flauta traveseira do Conservatorio Mayeusis, inundou o Pazo de Gandarón, en Salcedo, engalanado para acoller o acto de entrega dos III Premios Sofía Novoa Ortiz, impulsados pola Deputación de Pontevedra.

A sede da Misión Biolóxica de Galicia foi o escenario elixido por primeira vez para galardoar este ano ás seis estudantes da Universidade de Vigo que incluíron a perspectiva de xénero nos seus traballos de fin de grao e de fin de máster. Ao evento, ao que asistiron o Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto, o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa, así como colectivos e asociacións de mulleres da provincia, foi conducido pola escritora Ledicia Costas, coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, quen enxalzou a “figura esquecida” de Sofía Novoa, que da nome aos galardóns.

Na apertura, a escritora e condutora do evento, Ledicia Costas, apelou a palabra “sororidade” para explicar “a rede de afectos que levou a un grupo de mulleres da Deputación a dedicar estes premios a unha das invisibles como Sofía”. Costas deu paso ás estudantes premiadas, coas que conversou sobre a súa motivación para introducir a perspectiva de xénero nos seus traballos, tanto de fin de grao como de fin de máster. Na primeira modalidade foron premiadas Paula González, de Cambados; Laura Cao, de Viveiro; e Alba Vicente, da Guarda. Da segunda, as galardoadas foron María Dolores Fernandes, de Mos; Andrea López, de Moaña; e Belén Calero, de Vigo.