A iniciativa do BNG de Gondomar logra o cambio de ubicación da mesa electoral de Chaín para evitar as barreiras arquitectónicas. O local electoral pasa a ser a escola unitaria de Chaín, onde radica a aula do CRA Antía Cal.

O BNG de Gondomar, diante da convocatoria de eleccións xerais para o vindeiro 23 de xullo e logo de se ter publicado a relación de mesas para esa nova cita electoral, trasladou ao Concello e á Xunta Electoral a solicitude de cambio de tres mesas de votación por contar a súa localización con atrancos arquitectónicos.

A organización nacionalista instaba ao Concello a xestionar a posta a disposición de novos espazos electorais de votación nas parroquias de Chaín e Mañufe que evitaran ter que utilizar escaleiras para acceder as mesas.

«No caso de Chaín, a mesa atopábase nun primeiro piso con dous tramos de escaleira de acceso. Esta barreira arquitectónica obrigaba aos membros das mesas electorais a abandonar a mesa para recoller os votos de persoas con mobilidade reducida que, nalgúns casos e ante a dificultade de exercer o seu dereito ao voto, desistían de facelo. Esta situación foi reflectida polos membros da mesa na acta de sesión da xornada electoral das municipiais do pasado 28 de maio», sinalan desde o BNG.

No caso de Mañufe, as dúas mesas sempre están situadas no escenario dun auditorio ao que se sube por tres chanzos e con risco de caídas desde unha altura considerable. Aínda que o lugar de votación siga a ser o Centro Cultural, dende o BNG agardan que si se traslade a colocación das dúas mesas para unha ubicación máis segura.

O BNG celebra que se atendera, cando menos en parte, a súa petición «que xa tiñamos comunicado con antelación as eleccións de 2015, 2016, 2019 e 2020, sen efecto e sen resposta por parte do Concello, no camiño de posibilitar o dereito a votar en igualdade de condicións a todas as persoas».

A proposta do Bloque incluía tamén a solicitude de redistribución do censo da parroquia de Gondomar para facilitar á veciñanza a identificación da mesa en que lle corresponde votar de entre as seis que se atopan no pavillón municipal. “O máis racional é distribuír o conxunto de votantes no número de mesas necesarias e correlativamente en orde alfabética de apelidos, e non en función do lugar onde viven. Non ten sentido que, como ocorre actualmente, persoas con apelidos coincidentes poidan estar adscritos a mesas distintas, crea moitísima confusión”, indican, mais a día de hoxe descoñecen se se fará a nova distribución do censo.