O Grupo Municipal Socialista presentou a moción por urxencia debido a que é necesario reclamar a inmediata suspensión da medida adoptada pola Comisión Europea ata que estean dispoñibles novos informes científicos.
A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Montserrat Magallanes, indicou que esta medida se adoptou sen escoitar ao sector pesqueiro, sen escoitar ás empresas e sen escoitar aos traballadores do mar. «Debemos ter en conta que o sector pesqueiro galego é referente mundial na aposta pola sostibilidade medioambiental», sinala a voceira socialista.
«Ademais, nestes momentos nos que Europa atravesa unha situación difícil por mor da guerra de Ucraína, as administracións temos que alertar o compromiso de dispoñibilidade dos produtos do mar», indica.
O Grupo Municipal Socialista propuxo na súa Moción que o concello da Guarda iniciase unha recollida de sinaturas en apoio ao sector pesqueiro e de rexeitamento da medida adoptada pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental, esta recollida de sinaturas realizarase en diferentes inmobles municipais, como a Casa dos Alonso ou a Praza de Abastos, tamén estará dispoñible na Confraría de Pescadores e na nave da asociación Redeiras Atalaia.
