A Oficina de Turismo de Oia acolle ata final de mes a mostra de fotografías antigas Memorias da Telleira, unha selección de imaxes dos anos 50 e 60 do século XX que ilustran como era o traballo dos cabaqueiros. A mostra pode visitarse de mércores a domingo de 10.00 a 17.30 horas, ata o próximo día 30 de setembro.

As fotografías proceden da colección particular de Pepe Buraco, veciño do Rosal, que traballou como telleiro durante 13 anos, e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso. Nelas aparecen veciños de Oia que traballaron en telleiras de diversas zonas de Galicia e España.

Esta actividade enmárcase dentro da programación da terceira edición do Festival do Rei Sol, que ofreceu unha decena de actividades lúdico-culturais entre o 14 e o 16 de setembro. Entre elas, unha conferencia onde o propio Pepe Buraco falou sobre a vida e traballo dos cabaqueiros e das súas familias e concretou as distintas telleiras que se teñen localizado no concello de Oia, unhas 13 segundo indicou durante o seu relatorio.

Balance do Festival do Rei Sol

Máis de 200 persoas teñen asistido ás distintas propostas lúdico-culturais programadas durante os tres días que durou o Festival do Rei Sol. Visitas guiadas, obradoiros infantís, relatorios, espectáculos de teatro e narración oral, unha contemplación do solpor desde o castro de Cano dos Mouros e a exposición de fotografía –que se pode visitar ata final de mes- foron as actividades desta edición.