ALFREDO

O próximo vindeiro xoves, 30 de xullo, a Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda convoca unha concentración ás 12:00 horas diante do centro de saúde da vila.

Segundo manifestan os portavoces da plataforma “os vellos problemas continúan, ou vense incluso aumentados. A falta de médicos e persoal sanitario lonxe de solucionarse sufre novos recortes neste período estival o que provoca que as consultas se demoren en algúns casos ata un mes. A isto hai que engadir a xeneralización da teleasistencia, feito que resulta altamente preocupante”.

Estes son os motivos polos que a Plataforma reinicia as mobilizacións e chaman a todo o pobo da Guarda a participar nelas para impedir que continúe o deterioro da sanidade pública.

A plataforma pide a todos os asistentes á concentración que leven máscaras e que se manteñan as distancias de seguridade na concentración.