Os voceiros da Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos (PVGS) reuníronse este xoves coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, para recadar información e asesoramento sobre solucións de depuración e xestión do servizo de baleirado de fosas sépticas.
A plataforma veciñal solicitou unha xuntanza coa rexedora tomiñesa para coñecer o enfoque do seu goberno para dar solucións de depuración e abastecemento de auga no seu concello.
Como xa foron informados os membros da plataforma na anterior xuntanza con Augas de Galicia, o concello de Tomiño é un dos concellos que ten implantado o servizo de baleirado de fosas sépticas e que leva en funcionamento dende o 2017, ano no que se desenvolveu o proxecto piloto e que finalmente, dada a boa acollida da veciñanza, acabou implantándose e estendéndose a unha gran parte das vivendas que contan con fosa séptica como solución de depuración de augas negras. “Eliximos este concello por ser limítrofe con Gondomar e polo tanto ter unhas características orográficas e de distribución da poboación semellantes”, indican desde a plataforma.
Tamén informan que a alcaldesa subliña que o saneamento, entendido como trazado de redes de tubos e colectores que conducen as augas residuais á EDAR municipal, non é a mellor solución para o rural galego, «debido á dispersión da poboación e á complexidade orográfica, supoñendo un custo económico e medioambiental que non é sostible».
Así mesmo, os voceiros foron informados das estratexias que está levando a cabo o concello de Tomiño para dar soporte a toda a problemática de depuración de augas residuais e abastecemento de auga potable, mantendo como premisa principal que a aquelas vivendas que non teñan acceso a un sistema de depuración fiable ténselles que facilitar obrigatoriamente unha traída de auga, conseguindo así a salubridade para tódalas vivendas do concello.
Foi Lois Vázquez, concelleiro do ciclo de auga e eficiencia enerxética e presente tamén nesta xuntanza, quen informou á plataforma sobre novas alternativas nas que están traballando despois dun arduo traballo de investigación con expertos e no propio terreo. Estas son: liñas de subvención para fosas individuais e pequenas fosas colectivas (actualmente en proceso de implantación dun sistema piloto), subvencións importantes a comunidades de augas coa obriga de dar conexión á traída a tódalas vivendas da súa zona de influencia e servizo municipal de baleirado de fosas sépticas.
“Tanto o concelleiro como a alcaldesa facilitáronnos información detallada da tramitación e xestión do servizo de baleirado de fosas sépticas, así como da ordenanza que regula este servizo e os datos estatísticos dos resultados obtidos. Entendemos que non hai ningún impedimento insalvable para a posta en marcha deste servizo no concello de Gondomar, é cuestión da vontade do noso alcade de presentarlle unha proposta a Augas de Galicia. Terá que adaptarse á capacidade da EDAR de Gondomar e solicitar o vertedura nas colindantes cando, en momentos de carga máxima, Augas de Galicia non lle autorice o vertido nela, tendo que desviala a outras, como no caso de Tomiño, que en ocasións teñen que verter nalgunhas do consorcio do Louro”, afirman desde a PVGS.
Desde a Plataforma indica que seguirán recollendo información e reuníndose coas administracións públicas. Nestes intres xa está a traballar nunha proposta de ordenanza de regulación do servizo de baleirado de fosas sépticas que pensa facilitar aos membros do goberno de Gondomar como base para comezar a traballar. “Un Gondomar con servizos é un ben para todos”, afirman os voceiros.
