A Plataforma Veciñal solicitou unha xuntanza coas comunidades de augas, montes, culturais e veciñais de Gondomar para presentarse, informar do traballo feito ata o de agora e solicitar o seu apoio nas demandas da Plataforma ao goberno e as administracións.

Durante o encontro os voceiros puideron trasladar aos asistentes os motivos que levaron a creación da dita Plataforma. “Crear unha fronte veciñal co obxectivo de que o goberno poña solución ás demandas das persoas como o saneamento ou o abastecemento de auga” indica un dos voceiros. Así mesmo, informaron tamén do traballo feito ata o momento como as xuntanzas co goberno local ou coa demarcación territorial de Augas de Galicia de Vigo. Indicaron tamén que a vindeira semana estarán reunidos en Santiago de Compostela cos servizos centrais de Augas de Galicia para valorar vías alternativas para o baleirado de fosas sépticas, á cal se espera que tamén acuda o equipo de goberno de Gondomar.

Nesta xuntanza as diferentes asociacións puideron aportar as súas ideas e opinións para coa Plataforma como a solicitude de manter reunións individualizadas con cada agrupación onde falar con máis amplitude das problemáticas e solucións de cada parroquia. Indican tamén a necesidade da elaboración dun estudo técnico ou da creación de plans integrais, tanto de saneamento como do abastecemento de auga que sirvan para coñecer a situación real do Concello e darlle solucións inmediatas a aquelas zonas que sexan máis problemáticas. “O plan integral de saneamento foi proposto na moción presentada pola PVGS no pleno municipal de setembro e aprobada por unanimidade, estamos esperando a que o Goberno local o faga público”, informan desde a Plataforma.

A Plataforma explica que foi creada para unir as voces dos veciñas e veciños ante «a falta de participación veciñal municipal demandando nunha fronte única e solucións urxentes que posibiliten a transformación e modernización e a mellora da calidade de vida das persoas».