GOOGLE // Depuradora Gondomar

A plataforma veciñal solicitou unha xuntanza con Augas de Galicia para coñecer tanto a situación da EDAR de Gondomar como de propostas innovadoras para o saneamento das augas residuais.

Durante o encontro os voceiros foron informados da viabilidade do baleirado das fosas sépticas na EDAR de Gondomar sen ter que acudir a outras próximas como a de Nigrán ou a de Baiona. “Esta información, pendente de confirmar pola xerencia nos servizos centrais en Santiago, favorece a posibilidade de levar a cabo a proposta solicitada polos veciños, e xa aprobada en pleno, da creación dun servizo municipal de baleirado”, indican desde a plataforma. Este servizo xa existe en concellos próximos como Tomiño, Mondaríz ou Mos.

A xefatura territorial de Augas de Galicia indicoulle á PVGS diferentes propostas de saneamento válidas para núcleos de poboación pequenos ou afastados dos colectores principais. Sistemas como a creación de estanques con plantas macrófitas que filtran e limpan a auga ou incluso pequenas estacións depuradoras que non precisen estar conectadas á EDAR principal se non que se depuran no mesmo lugar quedando esa auga para uso de regadío entre outros.

A Plataforma indica que seguirá recollendo información e reuníndose coas administracións públicas no seu intento de buscar solventar as carencias do Concello de Gondomar. “Un Gondomar con servizos é un ben para todos”, afirman os voceiros.