A portavoz do PSOE no Congreso, Esther Peña, manifestou en Nigrán o seu convencemento de que Galicia apostará polo cambio nas eleccións autonómicas do 18F e apoiará a José Ramón Gómez Besteiro “despois de anos de desidia e inacción do Partido Popular, que leva tempo mostrando, agora con Rueda, o seu esgotamento e debilidade, incapaz de enfrontar os retos que ten a autonomía”.
Peña, acompañada polo seu compañeiro no Grupo socialista no Congreso e Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, David Regades, e pola candidatura socialista, coñeceu en profundidade as inquedanzas da militancia do Val Miñor con quen mantivo un encontro no que tamén participaron os alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Francisco Ferreira, e o responsable do PSOE en Baiona, Carlos Gómez.
David Regades informou a Esther Peña da posta en marcha dos proxectos na provincia de Pontevedra, investimentos liderados polo Goberno de España “fronte a unha Xunta do PP inexistente e que castiga permanentemente a esta provincia”. O Secretario Xeral fixo un repaso ás infraestruturas que dependen do goberno central, que segue a dar pasos sostidos para cubrir os grandes eixos de comunicación como solucionar a paralización do PP da variante de Cerdedo, o avance continuo da conexión ferroviaria Sur, as melloras do Eixo Atlántico ou as peaxes da AP9 que cos actuais orzamentos de 2024 terán unha bonificación de ata o 75%. “Cuestións todas elas, subliñou Regades, que permiten o desenvolvemento socioeconómico da provincia, así como os fondos europeos que nos concellos da provincia de Pontevedra só chegan grazas ao impulso do Estado xa que a Xunta só reparte os fondos que xestiona con criterios partidistas”.
Regades tamén agradeceu a Peña o esforzo que está a realizar o Goberno de España cos proxectos de dixitalización, transición ecolóxica, turismo ou reto demográfico, “que están a mellorar a vidas das persoas especialmente nos concellos pequenos do rural”. Igualmente valorou a aposta pola política industrial para a provincia “coa que a Xunta do PP ten un apagón total”, e destacou entre outras “a excelente noticia que ofreceu estes días a Ministra Teresa Ribera en Vigo onde confirmou a moi alta tensión para Stellantis ou os Pertes do Estado que son a base do futuro crecemento industrial”.
Pola súa banda, a portavoz do PSOE no Congreso fixo tamén fincapé no “orgullo socialista de ser o partido que se ocupa das persoas” e sinalou, entre outras, a aposta do goberno central coas pensións, cunha suba na provincia de Pontevedra que supuxo que a pensión media evolucionara este ano ata os 1.268 euros, “281 euros máis que en 2018”. Esther Peña tamén puxo o foco nas cifras de afiliación a Seguridade Social “con máis de 371.000 persoas ocupadas na provincia, 22.000 máis que en 2018”, os máis de 84.000 contratos indefinidos, un 170% máis que en 2019, as 30.813 veciñas e veciños da provincia que xa perciben o ingreso mínimo vital, as 30.000 persoas beneficiarias do bono social eléctrico ou as 22.000 con abonos gratis de transporte”. “O compromiso do Goberno de España é claro coa provincia de Pontevedra, sinalou Peña, e non ten parangón cos anos e anos de gobernos do PP no Estado e na Xunta que maltratou sistematicamente a esta provincia”.