Dúas das rapazas do feminino do Turonia GFG, Loles Vila e Silvia Álvarez proclamáronse campioas do Torneo Internacional de Madrid xunto coa Selección galega de fútbol gaélico feminina, ao seren seleccionadas por vez primeira este ano co resultado de selección Galega 3-13(22)//-05(5) Madrid.

No masculino, os Madrid Harps lévanse a final por 0-05//0-03 fronte os rapaces galegos. Axustadísima e competida, onde primaron as defensas. O maior acerto dos Harps, decantou a final.

Os combinados masculino e feminino desprázanse na tarde do domingo a Madrid para participar durante a xornada de mañá nun prestixioso torneo internacional que cada ano, por estas datas, organiza o club de fútbol gaélico Madrid Harps GAA. 

Trátase dun torneo de carácter amistoso pero cun gran nivel competitivo. Foi, precisamente, a elevada e contrastada calidade dos equipos que participan na copa dos “Harps” o que motivou aos preparadores galegos a inscribirse, porque o obxectivo principal das Seleccións en Madrid, non é outro que o de coller minutos, experiencia e bagaxe competitiva no camiño preparatorio dos GAA World Games, que se celebrarán na localidade irlandesa de Waterford, do 28 de xullo ao 1 de agosto.

En total competirán no torneo -que se celebrará no campo de rugby de Hortaleza- 10 equipos incluíndo as Seleccións Galegas. No apartado feminino, Galicia está encadrada nun grupo único de 4 escadras, xunto con Shamrocks (Madrid), Leprechauns (Madrid) e St Jude’s GAA, procedentes de Bournemouth (Inglaterra)

No eido masculino, participarán 6 conxuntos divididos en 2 grupos de 3 equipos. Neste caso, levarase a cabo unha fase previa que clasificará aos dous primeiros de cada cadro a unhas semifinais, pasando os vencedores á final. A Selección Galega quedou enmarcada no grupo B, xunto con Madrid Harps GAA B e Wandsworth, club procedente de Londres. No grupo A están Madrid Harps GAA A, Zurich Inneoin GAA Club e St Judes.