A Comunidade de Augas de Sobrada, presidida por Evaristo Míguez Millán, vén de por en marcha un novo sistema de abastecemento para servir a 137 casas da parroquia,  case o triplo das vivendas servidas antes das obras.

Unha realidade que foi posible tras rematar a remodelación integral levada a cabo nos últimos dous anos co apoio do Concello, a Asociación de traídas de auga no rural COXAPO, as demais traídas do municipio e moitos veciños e veciñas a título particular.

As obras, cuxo custe superou finalmente o medio millón de euros en total, foron posible despois de que a Comunidade de Augas de Sobrada solicitara, a raíz da elevada demanda de novas conexións, o apoio técnico e económico do Concello de Tomiño, que encargou a redacción dun proxecto técnico e emitiu os permisos necesarios, ademais de aprobar en pleno por unanimidade o recoñecemento da bonificación do ICIO e unha subvención de 150.000 euros que foi aprobada por unanimidade en pleno. Deste xeito, o total das axudas do Concello sumaron máis de 200.000 euros, decisión que contou tamén coa solidariedade do resto de traídas de auga da vila.

Así, posibilitouse a creación dunha nova rede de aproximadamente 10 km., para abastecer aos núcleos de Cruceiro, Gándara, Gandariña, Monte e Portela, con 371 habitantes permanentes, máis 333 estacionais (35,56%), non só presentes en época estival, senón tamén de venres a domingo, cun total superior aos 700 habitantes abastecidos.

A decisión de contribuír con este importante proxecto, segundo explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, tomouse tendo en conta que se trata dunha parroquia de elevado crecemento poboacional e que as conexións individuais ao depósito eran obsoletas. “O deficiente funcionamento do sistema de distribución existente, así como a ausencia de servizo de abastecemento para unha gran cantidade de vivendas da parroquia, conxuntamente coa ausencia de servizo de saneamento (recollida e tratamento de augas residuais), estaba xerando unha elevada contaminación dos acuíferos, e en consecuencia, dos pozos particulares dos que dependen as vivendas sen conexión” explica o edil.

Míguez Millán, presidente da traída, expresa o recoñecemento de toda a directiva non só ao Concello, senón tamén aos veciños e veciñas que deixaron pasar polos seus terreos as conexión e facer os pozos necesarios para un correcto abastecemento.

Igual que Vázquez, agradece a importante labor de xestión levada a cabo por COXAPO (Asociación de traídas de auga no rural) e as demais traídas de augas de Tomiño, para que todas aprobaran ás axudas realizadas a Sobrada, recoñecendo a absoluta necesidade das obras.

Os traballos permitiron mellorar o sistema de captación, a cotas superiores e en acuíferos que compren as garantías sanitarias, garantindo un abastecemento eficiente non só para as familias, senón tamén para o colexio de Sobrada, con 200 estudantes, que viñan abastecéndose dun pozo. Neste sentido, José Manuel Álvarez Dorna (secretario da traída), manifesta a súa grande satisfacción polos resultados acadados e por “ter un recurso de calidade, un ser vivo que ofrecer á veciñanza coas maiores garantías”.

As vantaxes da construción e posta en funcionamento do novo sistema son múltiples, posto que se conseguiu satisfacer as numerosas e crecentes demandas de conexión; abastecer de auga de consumo con garantías de calidade sanitaria e melloras na presión, e con menores custes por usuario.