No último pleno do Porriño acordouse unha demanda histórica, que é a adhesión da Unidade de Atención a Drogodependencias (UAD) ao Sergas, e a esixencia da creación dunha unidade de Saúde Mental na vila. «A Xunta de Galicia, responsable en materia de saúde, debe dotar suficientemente este recurso esencial discriminado dentro da atención sanitaria desde hai décadas», sinalan desde o BNG.
A pesar de ser por fin recoñecida como una cuestión de saúde dependente do Sergas, «segue sen saberse cal será a futura localización da UAD no Porriño a medio prazo, nin como se vai incrementar o reducido cadro de persoal actual«,apunta.
O Porriño conta cun centro de saúde recentemente reformado e o BNG lamenta que non se tiveran contemplado necesidades como esta. «Este feito demostra – para a forza nacionalista – que non foi máis que un lavado de cara propio do PP, pero que non significou unha mellora real e efectiva do servizo sanitario».
Hai cases dous anos, por iniciativa do BNG, o pleno do Porriño votou de forma unánime a esixencia dunha Unidade de Saúde Mental á Xunta de Galicia. Aseguran que os problemas que motivaron esta esixencia non decreceron. «Mais o Concello non iniciou ningún trámite para que este acordo plenario se converta en algo real«, matizan os nacionalistas.
O Porriño presenta unha elevada densidade de poboación e, ao igual que en todo o territorio galego, a atención á saúde mental «está ameazada especialmente nos grupos de idade das e dos mozos«. A ansiedade, os trastornos aditivos, os trastornos alimentarios, o insomnio, as autolesións e os pensamentos suicidas son realidades que non se poden obviar. Tui e Ponteareas contan cun servizo de atención psicolóxica, pero a veciñanza do Porriño «ten que se desprazar ao centro médico da Doblada«. O BNG esíxelle ó goberno municipal que faga as xestións necesarias para impulsar o acordo plenario da creación dunha Unidade de Saúde Mental no Porriño.
A administración galega dá un paso importante ao asumir a atención das condutas adictivas, pero o Bloque advirte o PP da necesidade «de facerse cargo doutros programas que sobrecargan os concellos como o Saf ou o Servizo de Atención Temperá». A concelleira Míriam Martínez pídelle ao goberno que o aforro que vai supor a eliminación desta partida non vaia destinada a gastos superfluos como luces de Nadal ou contratacións das orquestras máis codiciadas do país. «Débese garantir no próximo orzamento que se destinen a ampliar a partida de gasto en servizos sociais», rematan.
