«Filmei paxaros voando» da realizadora Zeltia Outeiriño abrirá o vindeiro 15 de outubro a segunda edición do ciclo «A lingua galega no cinema» que organiza a Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Pontevedra e do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, e que se desenvolverá ata o 5 de novembro no auditorio do edificio Cambón, do casco vello vigués.

Precisamente a cineasta galega e egresada pola UVigo, será a protagonista do coloquio posterior á proxección do documental, no que afonda nas súas raíces familiares e co que gañou, entre outros galardóns, o Premio Mestre Mateo 2025 ao Mellor Documental.

Este ciclo non só será unha ocasión para ver obras audiovisuais de alta calidade, senón tamén para reflexionar sobre a lingua galega no ámbito do cinema cunha serie de charlas-coloquio que seguirán ás proxeccións e que contarán coa presenza de recoñecidos directores e guionistas, algún deles afincados na provincia de Pontevedra, como Fon Cortizo ou Coral e Laura Piñeiro, ou películas gravadas na provincia como Antes de nós de Ángeles Huerta, gravada entre Rianxo e Pontevedra ou Filmei paxaros voando de Zeltia Outeiriño, filmada case enteiramente en Vigo”, destaca o director e crítico de cinema e coordinador do ciclo, Simone Saibene.

As proxeccións continuarán o 22 de outubro coa «Antes de nós» de Ángeles Huerta, unha longametraxe centrada nalgunhas etapas da vida de Castelao, a través da relación coa súa muller, Virxinia. Desta volta será a actriz Cristina Iglesias a que protagonizará o coloquio posterior á proxección, que comezará, ao igual que o resto do ciclo ás 19:00 horas.

Pola súa banda, «Prefiro condenarme», a obra de Margarita Ledo Andión, que parte dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol, durante a ditadura, en 1972, chegará á pantalla do edificio Cambón o 29 de outubro. Finalizada a proxección da súa última obra audiovisual, a docente, xornalista e cineasta conversará cos asistentes.

“A primeira edición do ciclo, celebrada o ano pasado, contou cunha notable acollida, e nesta etapa promete seguir sorprendendo coa proxección de películas, documentais e curtametraxes que exemplifican o gran momento que está a vivir o cinema galego”, sinala vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda.

Cinco curtametraxes para pechar

O ciclo rematará o 5 de novembro coa proxección dunha selección das curtametraxes galegas máis premiadas dos últimos tres anos, realizada polo organizador das sesións, Simone Saibene, e polo programador Severiano Casalderrey. «Na pel da memoria de Coral e Laura Piñeiro»; «To bird or not to bird» de Martín Romero; «Historia do meu pequeno mundo» de Pablo Fontenla; «Pura» de Carmen Méndez e «Abellón» de Fon Cortizo son as cinco curtas coas que o ciclo baixará o pano.

A entrada a todas as proxeccións é de balde ata completar a capacidade do auditorio.