Concello de Gondomar
ALFREDO // Concello de Gondomar.

A Xunta concede un nomeamento accidental excepcional ao concello de Gondomar para que, ante a parálise do concello, se poida levar a cabo o proceso electoral que por lei lle corresponde facer, como é o sorteo das mesas, cuxo prazo remata mañá.

O Goberno galego tamén lle trasladou ao concello que esta é unha solución provisional e completamente excepcional ante esta situación. Cómpre recordar que a normativa prevé varios supostos de cobertura temporal de prazas de habilitados para evitar a paralización dos concellos, tal e como lle foi comunicado ao concello, ao que se lle ofreceron tres solucións. Non foi ata hoxe cando concello se decantou por unha delas: o chamamento dun interino da bolsa autonómica. Resulta imposible nomear ao interino da bolsa para mañá, cando será o sorteo das mesas electorais, polo que é preciso autorizar de forma extraordinaria o nomeamento accidental.

Esta bolsa de interinos está destinada a cubrir as vacantes dos postos de habilitación nacional que existan nos concellos galegos. Trátase dun sistema áxil, eficaz e que libera ás entidades locais do custo económico dun proceso selectivo e con respecto á súa autonomía local Os concellos interesados poden solicitar voluntariamente a cobertura destes postos a través deste procedemento cando non poden facelo de xeito definitivo ou en comisión de servizos, acumulación ou nomeamento provisional.

Tamén podería ser por acumulación de funcións a outro funcionario habilitado e a terceira solución que se lle indicou foi que podía recorrer á prestación dos servizos de asistencia a municipios da Deputación Provincial establecidos para supostos concretos de ausencia temporal do secretario ou interventor.