O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de conceder un obradoiro de emprego ao concello de Tui centrado no Camiño de Santiago.

O obradoiro do concello de Tui, denominado “Percorre Tui 2018”, contará con 20 alumnos e unha aportación da administración autonómica de 288.807 euros. Estará vinculado ao Camiño de Santiago, é dicir, destinado á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación. En concreto, este programa estará centrado na creación de varias rutas que unan as parroquias do concello de Tui e tomando como eixe o Camiño de Santiago, e dunha páxina web para a proxección do estudo e rutas elaboradas.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de alomentos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.