O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do novo programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro, ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 8,1 millóns de euros para apoiar a contratación de 473 persoas sen emprego a través de 125 asociacións. Estímase unha axuda media por entidade de 64.800 euros, o que supón máis do dobre que na convocatoria anterior.
Cores Tourís fixo referencia aos 183.000 euros que a Xunta destinou o ano pasado, dentro deste programa, a 5 entidades sen ánimo de lucro da comarca do Baixo Miño, e que permitiu a contratación de 11 desempregados. Deste xeito, beneficiáronse na Guarda a asociación de San Xerome Emiliani, a Fundación As Samaritanas e a Asociación Avelaíña. En Tomiño, recibiu esta axuda a asociación de persoas con discapacidade Vontade e, finalmente, en Tui, a asociación galega de Residencias e Centros Anciáns.