A Biblioteca Pública Municipal da Guarda ofrece este ano unha nova actividade de animación á lectura. No mes de outubro terá inicio un Club de Lectura Xuvenil de Cómics coordinado pola bibliotecaria municipal María Soledad Diz, destinado a mozos con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos, tanto se son amantes do cómic e novela gráfica, como se desexan descubrir este xénero tan interesante.
Trátase de formar un grupo para reunirse un venres de cada mes e compartir as súas experiencias sobre a lectura do cómic proposto en cada sesión.
Os obxectivos do Club son: Fomentar a lectura, o diálogo e a convivencia entre os rapaces, ofertar novas oportunidades de desfrutar do tempo de lecer, crear un punto de encontro para compartir experiencias lectoras, tanto presenciais como virtuais, e ocasionalmente participar en actividades complementarias como encontros con autores.
Para ser membro do Club é preciso inscribirse na Biblioteca de forma presencial, enviando un correo electrónico a aguarda.rbgalicia@eidolocal.es indicando os datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico), ou ben chamando ao teléfono 986611850.
O prazo de inscrición remata o 29 de setembro. É unha actividade de balde e todo o material preciso o facilita a Biblioteca.
Horario da Biblioteca Pública Municipal da Guarda a partires da vindeira semana:
- De luns a venres: De 17:00-20:00 horas.
- Sábados: De 10:00 a 13:00 horas.
- Horario do Centro Cultural a partires da vindeira semana:
- De luns a venres: De 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
- Sábados: De 10:00 a 13:00 horas.
