Aula-Museo Antonio Fernández

A Aula-Museo Antonio Fernández, situada en Goián, a carón da praza do mesmo nome, segue aberta ao público durante o mes de agosto. Concretamente, abrirá mañá venres 9 de agosto e o vindeiro día 23, entre as 11:00 horas e as 14:00 horas.

O espazo, no que se propón un percorrido pola vida e obra do pintor Antonio Fernández, a través de obxectos, documentos e fotografías do artista, conta con entrada de balde e para todos os públicos.

A Aula-Museo Antonio Fernández, creada polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández, e inaugurada en 2014 en Goián, pobo natal do pintor, reúne numerosos obxectos e documentos persoais do pintor xa desaparecido, así coma algunha das súas obras, e se sitúa no edificio das vellas escolas de Goián, construídas nos terreos doados polo artista para ese fin.

A instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo de Antonio Fernández), sitúase na planta baixa do edificio, na ala dereita do mesmo, e consta dunha sala principal, na que se poden atopar documentos, bosquexos, debuxos e obxectos do pintor.

Nunha sala contigua, o museo recrea o estudo do pintor goianés, co seu cabalete, paletas e maletín.

Completan a instalación un busto en pedra de Antonio Fernández, obra de Xoán Piñeiro, que preside a entrada, e un equipo multimedia, con pantalla táctil, onde pode consultarse en detalle cada unha das obras e documentos expostos, así coma outros datos biográficos do pintor.

A Aula-Museo conta con rampla de acceso para persoas con discapacidade e cunha licenciada en Historia da Arte, que brinda información ao visitante.