Hai 102 anos, no 28 de novembro do ano 1922, no lugar de Sobredo, Guillarei, cando a Garda Civil disolveu a tiros unha concentración de labregas e labregos, tres persoas, Cándida Rodríguez González, de Pazos de Reis; Venancio González Romero, de Budiño; e, Joaquín Estévez Besada, de Soutelo, morreron e varias resultaron feridas. Participaban nun acto solidario de apoio a un veciño de Sobredo que ia ser embargado por non pagar rendas de Foros.
Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia.
O acto de homenaxe ten lugar ao pe do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista.
Coa recuperación, dende 1986, a memoria dos feitos e a reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións de veciños, asociación culturais, comunidades veciñais de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.
Neste ano 2024, no domingo 24 de novembro, realizan intervencións:
Helena Pousa Ortega. Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.
Susana Aríns. Escritora. Autora de Seique. Obra na que procura nesa desmemoria obrigada que impuxo o franquismo; e aborda as temáticas das execucións producidas por fascistas; a vida das mulleres na guerra/ditadura; as fosas común e a necesidade, aínda pendente, de dó; os perpretadores; memoria familiar; rexistro, saqueos e expropiacións levados a termo polos sublevados; violencia de xénero.
Os actos desenvolveranse de acordo ao seguinte programa que se achega.
No luns 25 de novembro ás 19:30 horas, na Sala Félix Rodríguez (Edif. Francisco Sánchez)-Tui, esta programada a conferencia e coloquio: “Sobredo. O Legado do Agrarismo Miñoto para a República”; Con Natalia Jorge Pereira; historiadora e autora da Tese Doutoral: Actitudes e comportamentos sociais nos concellos fronteirizos de Tomiño e Cerveira ante as ditaduras de Franco e Salazar.

