Durante todo este ano, co gallo do 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o BNG está a desenvolver unha campaña de popularización da súa figura como referente esencial do nacionalismo galego.
O BNG de Gondomar organiza un acto público aberto que, baixo o título «Castelao nacionalista galego», terá lugar o vindeiro sábado 4 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, Urbanización Miñor s/n.
O acto contará coa intervención da escritora Marta Dacosta e o debuxante Alfredo López-Tokio, que abordarán a figura do Castelao na súa dobre vertente, como escritor e artista e como político nacionalista, e coa lectura de textos da súa obra a cargo de integrantes de Galiza Nova do Val Miñor.
