Baixo o lema «Galiza, dereitos, vida digna. Agora con máis forza!», o BNG convida a toda a veciñanza da Guarda a participar no acto público que terá lugar este mércores 18, ás 20:00 horas, no Centro Cultural da vila.
O encontro estará conducido polo portavoz municipal, Anxo Baz, e contará coa intervención principal de Carme da Silva, cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra. No acto tamén participarán as persoas candidatas da comarca do Baixo Miño ás Cortes Xerais e ao Senado: Álvaro Lamas, Nuria Vázquez e Sabela Méndez.
Desde a formación nacionalista sinalan que Galiza precisa dar un salto no seu peso político para acadar unha representación forte en Madrid. Segundo indican, o obxectivo é situar os problemas do país na axenda estatal, lograr solucións reais e garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos. Por este motivo, fan un chamamento a concentrar o voto no BNG, unha forza que definen como garantía na defensa dos dereitos sociais, de compromiso con Galiza e de freo ante o avance da dereita e da ultradereita.

