A Asociación Cultivos Baixo Miño (acuBam) organiza este xoves unha saída do alumnado do ciclo de FP de Forestais do IES Antón Alonso Río, a dous viveiros de Tomiño con diferente produción, coma son “Cultivos Casaíta” e “Viveiros Nilo”, completando o itinerario nunha comercializadora (Coplant) “para pechar o ciclo e entender a loxística da distribución de produtos agrarios”.

No primeiro dos viveiros, os estudantes poderán coñecer de preto exemplares de bambú, phormium, árbores variadas, grandes exemplares e formas topiarias; e no segundo, terán ocasión de ver unha grande extensión de produción de planta.

A intención desta actividade de divulgación, previa á XVI Mostra de Cultivos do Baixo Miño, é que o alumnado de Forestais coñeza de primeira man o sector agro da comarca, reforzando deste xeito, os coñecementos que reciben nas aulas”, explican desde acuBam.

A saída está prevista ás 9.30 horas no propio IES, para dirixirse en primeiro lugar a Cultivos Casaíta (de 9.45 a 10.30 horas), e despois a Viveiros Nilo (10.45 a 11.30 horas). Por último, desprazaranse até Coplant, onde poderán aprender sobre comercio internacional do sector primario e organización loxística de produtos perecedoiros.