No contexto de globalización mundial no que nos atopamos, asegurar a competitividade das empresas pasa por ser visible no mundo 2.0. Así pois, dispor dunha boa estratexia de comunicación e dotala de contido de calidade e creativo, é básico para asegurar o posicionamento e así contribuír a incrementar os beneficios da actividade empresarial.

Así é que pensa acuBam, a Asociación de Cultivos Baixo Miño quen, en colaboración con ABANCA, VEMARGALICIA, Concello de Tomiño e Deputación de Pontevedra, organizou a Xornada “A importancia da comunicación dixital nas estratexias comerciais das empresas”.

Así pois, neste foro se traballaron aspectos tales como:

  • O valor da comunicación realizada polas persoas: como comunicar de forma efectiva.
  • Comunicación Dixital en Estratexias Empresariais como factor de diferenciación: “A importancia da presenza online para as empresas”.

A xornada deu comezo coa benvida da Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen apoiou de maneira continua ao sector agro da comarca nos últimos anos, e resaltou a importancia do traballo conxunto das empresas asociadas a acuBam e felicitou polo bo facer dende a asociación.

Presidiu a xornada a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen animou ás empresas do sector a adentrarse no mundo dixital e suliñou a importancia de que deben posicionarse sen medo nos medios online. Asimesmo salientou e felicitou ás empresas que forman acuBam, pola colaboración que realizan de xeito conxunto, acadando deste xeito maiores resultados para o sector.

Contouse tamén coa presenza doutras autoridades coma a Alcaldesa do Rosal, María Carmen Alonso, así como doutras administracións coma o IGAPE ou ADETO.

Dende a Xunta Directiva de acuBam levouse a cabo a presentación da nova web ACUBAM, explicando as principais melloras da plataforma e facilidades para os asociados en relación ao acceso da documentación e información relevante para o sector. Ademais, esta nova plataforma permite acceder ás páxinas webs individuais de cada empresa asociada, mellorando o posicionamento tanto da web da asociación como a dos seus asociados.

Finalmente, a xornada pechouse cunha mesa redonda aberta a tódolos asistentes, os cales puideron interactuar cos invitados da mesma: Rita Álvarez, da Floristería Las Flores de Rita e Jose Collazo, de Viveiros Río Tollo, empresas ambas ubicadas na Comarca do Baixo Miño, as cales transmitiron a súa experiencia no deseño e posta en marcha dun plan de comunicación dixital, e levaron á sala os beneficios e retornos que execución deste plan está a reportar en termos económicos nas súas empresas.